Thursday 28 de March de 2024

Cambre e Sada pechan o obradoiro de emprego no que sete dos vinte alumnos xa atoparon traballo


Trátase do quinto obradoiro organizado polo concello de Cambre no centro de formación de Espíritu Santo e o segundo que realiza co Concello de Sada

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, o alcalde de Sada, Benito Portela, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Jose Alfonso Marnotes González, clausuraron hoxe o Obradoiro de emprego Cambre – Sada atención sociosanitaria II desenvolvidos polos concellos de Sada e Cambre e que tivo unha duración de seis meses. É salientable que sete dos vinte alumnos que remataron hoxe o obradoiro xa atoparon emprego.

García Patiño felicitou aos alumnos/as “que con tanto esforzo e dedicación traballaron e estudiaron ao longo desta etapa que espero sexa o comezo dun novo percorrido profesional no ámbito da atención sociosanitaria a persoas dependentes”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Leonor Fernández, agradeceu o esforzo e dedicación amosado ao longo do proxecto polo profesorado e como non, polo alumnado traballador porque sodes vós os “protagonistas» “, indicou.

O alcalde de Sada instou á Xunta a seguir colaborando no vindeiro obradoiro de emprego que ambos os dous concellos xa solicitaron para finais de ano, e que está pendente de aprobación

O Obradoiro foi aprobado polo Xefe Territorial da Xunta de Galicia o 26 de agosto de 2016 co fin de dar unha oportunidade de traballo e formación a 20 persoas na especialidade profesional de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais.

Trátase do quinto obradoiro organizado polo concello de Cambre no centro de formación de Espíritu Santo e o segundo que realiza co Concello de Sada.

Unha vintena de persoas desempregadas, 19 mulleres e 1 home, participaron neste obradoiro, que tivo un equipo directivo integrado por seis persoas: unha directora, catro docentes e unha auxiliar administrativa.

O obxectivo fundamental deste proxecto foi dotar ao alumnado traballador dunha formación teórica e a experiencia laboral necesaria para garantir o acceso ao mundo laboral nunhas condicións axeitadas.

As alumnas e alumno fixeron as súas prácticas nos centros: Residencia García
Hermanos (Betanzos), Irmás Hospitalarias Centro PAI MENNI (Betanzos), Instituto Benéfico Social Padre Rubinos (A Coruña), Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia ASPRONAGA (Oleiros), e Asociación de Padres de personas con Parálisis Cerebral ASPACE (Sada).

A posta en marcha destes obradoiros de emprego, está a beneficiar claramente o nivel de inserción laboral dos seus participantes xa que, dentro da desfavorecida situación económica actual, é unha das ocupacións con máis demanda laboral debido a varios factores entre os que se atopan o envellecemento da poboación, e o desenvolvemento da lei 39/2006 de 14 de decembro de dependencia e a incorporación da muller no mercado laboral.

Os resultados dos Obradoiros realizados ata o momento, 70% de inserción, un 12,5% de contratacións indefinidas e un 15% de participantes que iniciaron estudos regrados, xustifican, sobradamente, a aposta da Xunta e dos Concellos por estes programas.